O día que un can chamado Teo foi o mestre da clase de segundo do CEIP Chancelas

A Canceira de Poio acudiu con catro voluntarias e un dos cans acollidos para dar unha aula sobre abandono animal

A clase do tres de marzo, a bo seguro, será unha desas xornadas difíciles de esqucer para os 22 cativos e cativas de segundo de Primaria do CEIP Chancelas de Poio. A culpable disto é a mestra, Patricia, que leva unhas semanas traballando con temas relacionados co maltrato animal e o abandono con este grupiño de mentes curiosas e decidiu que, pese a todos os inconvintes que está a presentar a pandemia para desenvolver a labor docente como se facía antes, había a posibilidade de que os alumnos e alumnas recibiran as sabias ensinanzas dun dos protagonistas do abandono animal. Así, a mestra contou coa Canceira de Poio para poder ofrecerlles de primeira man aos cativos o testemuño de catro voluntarias e de Teo, un can que foi abandonado fai catro anos e que aínda segue esperando a unha familia que o adopte.

A xornada didáctica tivo lugar este mércores, aproveitando o bó tempo, no patio do centro. Os nenos e nenas estiveron ao aire libre, de forma ordeada e tomaron contacto, moitos deles por primeira vez, cun can que fora abandoado e que, pese a iso, é capaz de compartir toda a dozura e simpatía do seu carácter con eles.

 

A canceira no CEIP Chancelas

 

Patricia, Ari, Paula e Rosa, que ademais de integrante da asociación é a traballadora de mantemento da canceira, foron as encargdas de respostar con palabras ás dudas e inquedanzas dos alumnos, que non eran poucas. O can, que non se deixou intimidar polo público da xornada, respostou deixándose acariñar, movendo o rabo ou demostrando a súa gran paciencia e obediencia.

Os alumnos plantearon as súas preguntas ás catro voluntarias e puideron interactuar co can por turnos.

“Levamos a un só can a esta visita porque queriamos unha situación moi fácil de manexar, dado que ía ser un primeiro encontro dos nenos e nenas con nós. Escollemos a Teo polo seu gran carácter e docilidade, que xa ten demostrado estes catro anos que leva na canceira. É curioso porque, por tamaño é un PPP pero é o can máis bó e amigable que hai. Os nenos e nenas quedaron prendados del”, explica a voluntaria Patricia, que foi unha das encargadas de contar como é a experiencia de axudar nun centro de recollida de animais, e derrubar, a bo seguro, moitos dos mitos que hai sobre o asunto. “Todos tiñan preguntas preparadas e sorprendeunos a súa implicación” aseverou a voluntaria, que manifestou “o noso agradecemento pola grande sensibilidade destes nenos e da súa mestra, que ata nos fixeron uns díticos e un cartel para dar consellos sobre a adopción“. A xornada foi un éxito para ambas partes pero desde a Canceira sinalan a importancia de poder seguir achegando a súa labor aos cativos e educando contra o abandono desde as aulas, de xeito que “todos os colexios que queiran contar con nós, xa saben que poden facelo”.

FUENTE: Diario de Pontevedra

¿Quieres ayudar?

Descubre cómo echarnos una pata