E a familia do sacristán adoptou a Chuli
A cadeliña orfa do falecido párroco de Raxó e Samieira atopou un novo fogar con José Antonio, Leticia e María José Prieto, despois de que a Canceira municipal lanzara unha mensaxe de socorro
A de Chuli é unha historia que chegou ao corazón dos poienses, e que hai unhas semanas mobilizou as redes sociais, tras coñecerse que o animal perdera ao seu dono, o coñecido párroco de Raxó e Samieira, Antonio Fernández Rodríguez, indo parar á Canceira municipal. Chuli nacera dunha cadela vagabunda que fora dar a luz na finca de don Antonio –nome co que se coñecía ó cura– hai oito anos e, tras ser adoptada polo párroco, xa nunca se separou del, coma unha fiel compañeira. O falecemento de don Antonio, o pasado fin de ano, obrigou á cadeliña a trasladarse á Canceira, á que non se chegou a adaptar, polo que os membros da asociación Amigos da Canceira lanzaron unha mensaxe de socorro para facer un chamamento á adopción do animal, no que cada vez ía calando máis a tristura ao non atopar ningunha cara coñecida, que buscaba sen cesar.
Ao enterarse da historia de Chuli, que este xornal publicou, a familia do sacristán de Samieira, José Antonio Prieto, non o dubidou nin por un instante: a súa casa sería, dende ese momento, o novo fogar de Chuli. José Antonio, que leva 12 anos no posto, era tamén un vello amigo de don Antonio, co que trabara amizade á chegada do cura a Samieira, había uns 25 anos, e é tamén unha cara coñecida para Chuli. Tras entrevistarse coa Canceira, ao día seguinte a cadeliña xa formaba parte da familia do sacristán, a quen recoñeceu de inmediato, e pasou a ser oficialmente adoptada pola súa neta, Leticia Prieto.
Na casa todos están felices coa chegada da cadeliña, que se vai adaptando pouco a pouco, e que agora pode dar longos paseos coa familia. “Arrímase moito a meu pai”, sinala María José Prieto, filla do sacristán. “A el coñéceo, porque xa a vira varias veces con don Antonio, e gústalle ir ver as galiñas con el. Os primeiros días choraba un pouco, pero agora xa salta e corre, e levámola moitas veces a dar paseos cerca do monte que temos ao lado da casa, está moi contenta“, asegura.
Polo momento, Chuli permanece separada do outro can da familia, pero os Prieto non teñen dúbida de que pronto poderán xogar xuntos, dando brincos pola horta.
FUENTE: Diario de Vigo